5 series en galego para comezar ben o 2022

O audiovisual galego é un dos máis potentes a nivel nacional e, incluso, a nivel internacional. Co nacemento de plataformas dixitais como Netflix ou HBO, a nosa lingua espállase cada vez máis por todo o mundo.

Xa coñecemos series como ‘O sabor das margaridas’ de CTV, que foi líder en máis de 100 países a través da plataforma Netflix.

Así a todo, hai series igual de interesantes que non alcanzaron tanto éxito. Facemos unha recompilación das 5 series que máis nos chamaron a atención:

  • A Estiba (2019)

O mesmo día no que Manuela Fortes (Melania Cruz) volve á cidade ficticia de Ardora para substituír ao seu pai Emilio (Luís Iglesia) ao fronte da comisaría, un barco atraca no porto con toda a súa tripulación masacrada. Cando os axentes de policía intentan investigar o sucedido, atópanse con que no porto, controlado polo vello coñecido da policía César Longueira (Adrián Castiñeiras) rixe unha soa lei, a do silencio.

Esta serie ten unha soa tempada que consta de 17 capítulos. Foi producida por Voz Audiovisual e emitida pola Televisión de Galicia. Está dispoñible na web da CRTVG.

  • Dalia, a modista (2016)

Dalia (María Mera) chega a Prescedo para investigar sobre a repentina morte da súa nai. Coa súa máquina de coser como única herdanza e a sospeita de que o seu pasado familiar esconde máis dun segredo, establécese no pobo coa firme convicción de descubrir a verdade.

A miniserie, dirixida por Giselle Llanio e producida por CTV, consta de 4 capítulos e está dispoñible na web da CRTVG

  • Urxencia Cero (2016)

Drama ambientado nunha unidade de transplantes con tramas que van dende as relacións afectivas cos pacientes ata as relacións persoais do equipo médico, sobre todo a dos protagonistas (Eva Muíños e Daniel Losada)

A serie de 15 capítulos renovou nunha segunda tempada baixo o nome de TAC, de 7 capítulos. Está dirixida por Óscar Pedraza e producida por Voz Audiovisual e dispoñible na web da CRTVG.

  • Vidago Palace (2017)

A serie, formada por seis capítulos, centra os seus tramas nun luxoso hotel e spa aberto en Vidago no século XX para recibir a distinguidas figuras da sociedade europea da época. No contexto da ditadura de Salazar en Portugal e o comezo da Guerra Civil en España é onde surxe a historia de amor entre Carlota e Pedro, la filla dos condes de Vimieiro e o fillo dun empregado do hotel.

A serie producida por Portocabo foi a primeira coprodución galego-portuguesa realizada para a TVG, onde está dispoñible, e a RTP.

  • Método Criminal (2021)

Historia ambientada en dous mundos: un tanatorio que funciona como tapadeira dun clan de mafiosos e una produtora audiovisual que quere poñer en marcha unha serie sobre a revolta irmandiña. Damián Canosa (Miguel Canalejo) ten que facerse cargo do negocio ilegal do seu pai, o narcotráfico, pero nin sabe nin está disposto a facelo porque quere seguir atendendo o establecemento legal, o tanatorio que é a súa verdadeira vocación.

A serie, producida por Voz Audiovisual e dirixida por Jorge Saavedra e Ozo Perozo, ten 20 capítulos e está dispoñible na web da CRTVG.

Podedes deixar as vosas recomendacións de series para que todos poidamos comezar este 2022 da mellor maneira; consumindo audiovisual galego.

Bo ano a todxs!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *