Saltar ao contido

7 filmes en galego obrigatorios de ver se es un apaixonado do cine

Como xa falamos anteriormente, cada vez é máis frecuente atopar o audiovisual galego nas plataformas dixitais como poden ser Netflix ou Movistar Plus, entre outras.

Ademais destas plataformas, tamén o atopamos nas grandes pantallas. Son claros exemplos o filme Arraianos (2012) de Eloy Enciso, ou O Lapis do Carpinteiro (2003) dirixida por Antón Reixa.

Con todo, seleccionamos 7 filmes para ver que son obrigatorios se es un apaixonado do cine.

  • O que arde (2019) · Óliver Laxe

Ninguén agarda a Amador cando sae do cárcere tras cumprir condena por ter provocado un incendio. Regresa á súa casa, unha aldea perdida das montañas lucenses, onde volverá a convivir, ao ritmo sosegado da natureza, coa súa nai, Benedicta, a súa cadela Luna e as súas tres vacas.

Este filme do director franco-lucense Óliver Laxe conseguiu facerse co Premio do xurado no Festival de Cannes 2019, os premios Goya 2019 a Mellor Actriz Revelación e Mellor Fotografía, entre outros galardóns e nominacións.

  • A Esmorga (2014) · Ignacio Vilar

Crónica tensa e intensa de 24 horas na vida de tres compañeiros de esmorga que van deixando un rego de destrución, de sexo equívoco e reprimido e tamén pechando portas tras tirar as chaves, coma se de forma deliberada buscaran a perdición.

O filme adaptado da novela de Eduardo Blanco Amor e dirixido por Ignacio Vilar, foi nominado aos Premios Goya polo Mellor Guión Adaptado.

  • A praia dos afogados (2015) · Gerardo Herrero

Unha mañá, o cadáver dun mariñeiro é arrastrado pola marea ata a beiramar. Se non tivese as mans atadas, Justo Castelo sería outro dos fillos do mar que encontrou a súa tumba entre as augas mentres faenaba. Sen testemuñas nin rastro da embarcación, o inspector Leo Caldas sumérxese no ambiente mariñeiro do pobo para esclarecer o crime, pero os veciños resístense a desvelar as súas sospeitas.

  • Ons (2020) · Alfonso Zarauza

Vicente e Mariña chegan para pasar o verán a Ons: el ven dun accidente e as súas consecuencias psicolóxicas e a viaxe ha de ser un bálsamo para o seu matrimonio. A estancia prolóngase a a petición del e a medida que os días se tornan borrascosos, segredos gardados comezan a aflorar.

  • Pradolongo (2008) · Ignacio Vilar

Raquel, Martiño e Armando son tres amigos que acaban de cumprir a maioría de idade. O verán preséntase coma sempre coas súas verbenas e as súas tardes no río, pero esta vez algo vai cambiar. O amor que os dous rapaces comezan a sentir por Raquel e a posible venda, á pizarreira do pai de Armando, de Pradolongo, un prado de alta montaña propiedade da familia de Martiño, obrígaos a reconsiderar os soños e vínculos que os mantiveron unidos dende a infancia.

  • María Solinha (2020) · Ignacio Vilar

Reconstrución da historia de María Solinha, acusada de bruxería e queimada pola Inquisición no século XVII. A protagonista sofre, no século XXI, agrios ecos da agresión que sufriu María Solinha.

  • Dhogs (2017) · Andrés Goteira

Mentres un estraño personaxe cruza as rúas da cidade ao volante dun taxi, no bar dun luxoso hotel está Alex, unha muller que disfruta dunha última copa, inconsciente do alud de acontecementos que a enrolarán nas próximas horas. Unha fugaz aventura cun executivo será o preámbulo cara unha espiral de violencia sen sentido aparente, obrigándoa a percorrer unha senda de sufrimento fóra do seu control. 

Podedes deixarnos nos comentarios as vosas recomendacións de filmes en galego! Agardamos que esta escolla sexa do voso gusto.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario