A orquestra Paris de Noia non só é un gran referente a nivel musical en Galicia, senón que tamén o é a nivel nacional.
Despois de tanto tempo sen actuar, tan só facendo uso das súas redes sociais creando contido, o anuncio do seu novo disco “Te gusta el Party”, aparicións na Televisión de Galicia, etc esta orquestra galega anunciaba a súa primeira actuación post-pandemia nunha localidade de Valladolid. Deixábannos a todos os galegos con ganas de coller un coche e ir a velos, pero non tardaron en vir á nosa terra e actuar na vila de Marín, sendo esta a súa primeira actuación en terreo galego. Actualmente é unha das orquestras que máis actuacións ten, cada unha delas coas vixentes medidas de seguridade.
O pasado 28 de agosto ofreceu un concerto na súa terra; Noia. Instaláronse preto de 700 cadeiras no Campo de San Alberto para que a formación presentase o seu novo espectáculo “A Xira do Camiño“.
O certo é que o título de ser unha das mellores orquestras de Galicia non se gaña da noite para a mañá, e levan dende o ano 1957 pelexando por obtelo, oscilando sempre entre o primeiro e segundo posto do Top 3 de Orquestras de Galicia.
Cun novo escenario de máis de 200 metros cadrados, un novo espectáculo e sobre todo, moita ilusión por voltar aos escenarios e poder facer gozar ao público, este elenco de máis de 30 persoas entre equipo técnico e artístico presenta a súa nova montaxe por toda Galicia e arredores.
O seu novo espectáculo, adaptado á nova situación condicionada pola COVID-19, contará coa música máis representativa das últimas décadas pasando polos Tamara, Celtas Cortos, musicais de Disney, ABBA, e moitos máis. A mellor maneira de desfrutar deles é indo a velos e actualmente, contan con actuacións en O Milladoiro, Ames (A Coruña) o vindeiro 3 de setembro e en Sarria (Lugo) o día 10 de setembro. Toda a información sobre as entradas, así coma novas datas poderase atopar nas redes sociais da Paris de Noia coma Instagram ou Facebook, ou tamén na súa páxina web.