O festival Sons da Canteira, de moi recente aparición nas listas de festivais galegos, celebra o próximo 28 de agosto a súa segunda edición. Como o seu nome indica, o evento celébrase na canteira en proceso de restauración de Vilafría, no concello do Porriño, para así crear un espazo único no seu escenario de pedra.
Nesta nova edición, a organización aposta sobre todo por grupos de nova formación de diferentes estilos musicais. O trap galego, flow costumista e twerking rural de Boyanka Kostova, o pop e trap de Verto, o folklore africano e electrónico da lisboeta Pongo (que ofrecerá o seu único concerto en España), sons eclécticos de Mounqup estreando o seu novo espectáculo “MQAVD”, a DJ Teresa Ferreiro e un grupo local de danza e música tradicional como son Os Penediños de Atios.
As entradas están xa dispoñibles dende o luns 2 de agosto na web do festival e para facilitar o acceso ao recinto, a organización porá a disposición dos usuarios autobuses gratuítos con saída dende O Porriño (xa que é o único xeito de acceder cun vehículo ao festival). A pulseira de acceso funcionará tamén como moedeiro para facer todos os pagos durante o festival utilizando a tecnoloxía cashless. Así mesmo, o festival tamén implantará un servizo de atención en mesa para evitar aglomeracións.
O festival Sons da Canteira aposta, nesta edición, pola cultura galega, a presenza de artistas femininas e colaboracións de entidades locais.
Toda a información sobre o evento en https://sonsdacanteira.gal