Saltar ao contido

A Ukestra do Médio estrea o videoclip ‘Promesas’, dirixido por Alba Domínguez

Promesas‘ é o tema que pecha Historias Cativas, o último disco da Ukestra do Médio publicado o pasado verán. Hoxe en día, a banda de ukeleles de Compostela estrea videoclip, un traballo dirixido pola realizadora Alba Domínguez e que está gravado en 16mm.

Historias Cativas é o seu terceiro traballo de estudo, un LP co que a banda se afianza polos temas propios. ‘Promesas’ fala das expectativas frustradas e da falsa idea capitalista de que podemos conseguir todo o que nos propoñamos se temos a suficiente vontade. Faino a través dunha letra amarga e realista que contrasta co son vitalista da Ukestra.

“O que atopamos no videoclip de interesante foi que a melodía transmite unha sensación que non se corresponde coa mensaxe. É nese contraste onde nace o concepto do videoclip”, explica a directora do mesmo. Filmado en 16mm, inclínase cara un estilo teatral que se vai intensificando ao longo da peza.

“A idea da festa de aniversario xorde desa mesma dualidade: un envoltorio xovial que pode conter en realidade sentimentos do máis amargos. Os aniversarios concíbense, en ocasións, como oportunidades para celebrar pero tamén son momentos nostálxicos nos que facemos repaso das cousas que conseguimos ao longo da nosa vida”.

A Ukestra do Médio está formada por Kátia Mera, César Parcero, Alberte L.C., Yolanda Porto e Soni. Ademais das voces, o cajón, os distintos tipos de ukeleles (sopranos, tenores e barítonos; ukebaixos e banjoleles) incorporan o son da táboa de lavar, a pandeireta, o güiro ou o xilófono.

Naceron en 2013 e no ano 2020 editaron Outras Lérias, disco co que presentaron as primeiras músicas propias en galego e iniciaron un percorrido consolidado actualmente. Dende ese mesmo ano, a banda forma parte do catálogo de Urdime.

As vindeiras datas da banda son:

  • 3 de febreiro – Pub Gatos (Melide)
  • 18 de marzo – La Pecera (Vigo)

‘Promesas’ está dispoñible en YouTube e pode verse aquí.

Música e letra: Ukestra do Médio

Dirección: Alba Domínguez

Dirección artística: Marta Bouzas

Dirección de fotografía: Aarón Vilariño

Actor: Antón Segade

Asistencia de cámara: Miguel Gomar

Vestiario: Marta Bouzas

Edición: Alba Domínguez

Etalonaxe: Aarón Vilariño

Laboratorio: Cinelabs Bucharest

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario