Saltar ao contido

As Festas do Portal en Ribadavia acollen a artistas coma Mercedes Peón ou Guadi Galego

Inda que non están cubertos todos os días das xa coñecidas Festas do Portal no concello ourensán de Ribadavia, xa podemos informarnos a través das súas páxinas oficiais coma Facebook da programación que ofrecen neste ano 2021.

Celébranse, coma todos os anos, arredor do seu “día grande” que é o día 8 de setembro. Podemos adiantar que o vindeiro 6 de setembro visitará o Auditorio do Castelo de Ribadavia a cantante e instrumentista Mercedes Peón. A súa música contén unha variedade compositiva que comeza dende a polirritmia, baixo a mirada dos ritmos máis ancestrais, culminando en temas eclécticos e descaradamente vibrantes. O seu amplo repertorio e a enerxía que se apodera de cada unha das súas actuacións fan desta muller unha figura fundamental da escea etnocontemporánea en Europa e, por suposto, en Galicia. O concerto comezará ás 22:00h, as invitacións son de balde e poderán recollerse na Casa da Cultura de Ribadavia mediante inscrición previa ou o mesmo día unha hora antes do evento, na oficina da MIT ata completar aforo.

O día seguinte (7 de setembro) poderemos gozar no mesmo escenario do Auditorio do Castelo da Banda Tributo DR. Queen que, tras percorrer medio mundo, aterrarán coa súa música tributo ao coñecidísimo grupo Queen no pobo de Ribadavia. As invitacións son de balde e poderán reservarse na Casa da Cultura ou o mesmo día unha hora antes do evento na oficina da MIT ata completar o aforo permitido.

Como última novidade anunciada, quen visitará este concello o día 8 de setembro será Guadi Galego, quen comezou a súa carreira artística sendo moi nova e durante estes anos nunca deixou de reinventarse, manténdose sempre fiel á súa esencia. A madurez das súas letras e o atrevemento das súas melodías e propostas converten a Guadi nunha xoia da nosa música. Presentaranos o seu novo álbum Costuras, mostrándonos á autora tal como é, con temas que falan dende a súa infancia ata o presente máis duro e esperanzador. As invitacións son de balde e poderán reservarse na Casa da Cultura ou o mesmo día unha hora antes do evento na oficina da MIT ata completar o aforo permitido.

Podedes atopar máis información sobre os eventos nas páxinas oficiais do Concello de Ribadavia así como as próximas novidades que anunciarán para estas festas.

Etiquetas:

2 pensamentos sobre “As Festas do Portal en Ribadavia acollen a artistas coma Mercedes Peón ou Guadi Galego”

Deixa una resposta a Xosé Manuel Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario