Saltar ao contido

As Tanxugueiras, iconas dunha revolución

Non será sorpresa para ninguén que Tanxugueiras, o grupo galego de pandeireteiras, participou no Benidorm Fest acadando cifras impresionantes. O festival constou de dúas semifinais onde se clasificaban catro participantes en cada unha para chegar a unha final, celebrada o pasado sábado 29.

As Tanxugueiras foron, aínda sen chegar ao festival, favoritas de todo o público ao posicionarse no 1º posto na maioría dos sondeos feitos polos eurofans. Chegada a primeira semifinal, a súa actuación deixou a todos coa boca aberta e a pel de galiña a excepción do xurado, quen considerou que non eran merecedoras de estar na gran final. A falta de dous días para a actuación final, para a que clasificaron grazas ao voto do público que as colocou na segunda posición, as Tanxugueiras fixeron varios cambios na realización como máis planos curtos e menos xerais xa que isto daría máis forza ao tema, primeiro plano do aturuxo de Olaia, entre outros.

Estes cambios fixeron da actuación da final unha auténtica obra de arte. O xurado outorgoulles 30 puntos, colocándoas no quinto posto de novo. O voto demoscópico e o televoto, que conforman o público, déronlle a máxima puntuación aínda que, pola puntuación, xa era imposible que gañaran.

Tanxugueiras participa no Benidorm Fest con ‘Terra’. RTVE

Terra non só nos pon a pel de galiña senón que nos fai sentir profundamente orgullosos do que somos: galegos. Só podemos agradecerlles a elas por levar o galego, a nosa cultura e a nosa tradición alá por onde van.

Tanxugueiras. Fotografía: Rocío Cibes

Esta semana, chea de emocións tanto para elas como para nós, só foi o comezo dunha longa xira na que esperamos que rebenten as taquillas e se esgoten todas as entradas porque é onde verdadeiramente se ve o apoio que teñen e onde se demostra todo o agarimo do público.

“Coa pandeireta na man”. Fotografía: Rocío Cibes

O que sacamos en limpo de todo isto é que como elas din “non hai fronteiras“, nin para a lingua nin en ningún outro ámbito. Estas tres mulleres empoderadas conseguiron, a través da tradición, unificar a toda Galicia e, confiando nas nosas raíces e na nosa cultura. Un fito que quedará reflexado nos libros de historia e de galego. Grazas Olaia, Aida e Sabela. Grazas Tanxugueiras.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario