A gala dos Premios Goya 2022 celebrouse onte día 12 de febreiro no Palau de Les Arts en Valencia, na que a nosa comunidade tivo gran presenza.
Destacou notablemente o filme El Buen Patrón, de Fernando León de Aranoa, que se fixo con 3 dos premios máis importantes (filme, dirección e guión).
O primeiro galego en ser galardoado foi Chechu Salgado, actor natural de Sober que xa era coñecido pola súa participación na serie galega Serramoura, fíxose coa estatuíña a Mellor Actor Revelación polo seu papel en Las Leyes de la Frontera. Agradecía, no seu discurso a compañeiros de profesión, amigos e finalmente á súa familia, aos que se dirixiu en galego.
Seguidamente entregaban o galardón a Mellor Curtametraxe de Animación o cal foi para The Monkey no que Xosé Zapata é codirector e o cal, no seu discurso, fixo referencia ao seus veciños de Viñós, ao seu pobo de Arzúa e á súa familia de Carral.
Zeltia Montes recollía, moi emocionada, o Goya a Mellor Música Orixinal pola súa participación en El Buen Patrón. Agradecía á súa nai dicindo que “tivo que traballar moitos anos para que a súa filla estudara o que a ela lle gustaba”.
A ferrolá Chelo Loureiro obtivo o premio Goya polo seu filme de animación Valentina, na que fai énfase na inclusión das persoas con discapacidade. A cineasta agradecía, entre outros, a artistas galegos como Andrés Suárez, Uxía, Pilocha, María Manuela, etc
Galicia tivo unha gran presenza na gala tamén grazas a Luz Casal, que interpretou Negra Sombra xunto a Real Filharmonía de Galicia lembrando aos académicos falecidos nos últimos meses.
Tamén estiveron presentes na gala outras figuras moi recoñecidas do noso audiovisual que non conseguiron o “cabezón” como Celso Bugallo, aspirante ao Goya a Mellor Actor de Reparto por El Buen Patrón ou Luis Tosar, que compartía nominación con Javier Gutiérrez a Mellor Actor Protagonista.