Saltar ao contido

Música en galego: 6 artistas que debes escoitar

Non é unha novidade que a música en galego atravese fronteiras e todo o que se lle poña por diante. Dentro de Galicia hai unha morea de artistas emerxentes que loitan cada día por cruzar barreiras e que a súa música chegue ata o máis lonxe.

Dende aquí damos un paso máis para facer chegar á maior parte da xente algúns dos artistas que máis nos gustan. Por suposto, nos comentarios, podedes deixar recomendacións e propostas.

  1. Ash Diz
Ash Diz

Ash Diz, cantante e compositora ourensá arrancou a súa carreira en solitario coa estrea do seu primeiro single “O Estraperlo”, unha peza que reivindica a volta da música popular galega a través dos xéneros urbanos, e que ademais conta coa colaboración do cantante, compositor e produtor pontevedrés, Berto.

Afincada en Pontevedra, xa debutara nos escenarios en 2017 co dúo Kicking Roses, que foi disolto. Escribe cancións dende que era pequena “para entender o mundo e a min mesma” di ela. É moi interesada en todas as formas de expresión artística e de transmisión de mensaxes. Estuda o Grao en Comunicación Audiovisual na Universidade de Vigo para formarse facendo fincapé na cinematografía.

O que máis destaca das súas composicións é o uso de instrumentos non convencionais, “calquera cousa que faga ruído pódese converter nun instrumento”, afirma.

2. Fillas de Cassandra

O dúo feminino é un exemplo máis do “resurxir” da música tradicional galega, especialmente entre a mocidade. Fillas de Cassandra está conformado por dúas rapazas; unha delas é Sara Faro, que estuda actualmente dirección escénica e dramaturxia na ESAD e dende moi nova tivo relación coa música, pois tocaba nun grupo de pandeiretas. De forma autodidacta comezou a tocar a guitarra, compor temas e gravalos. A outra integrante chámase María, quen tamén adicou a súa vida á música, estudou piano no Conservatorio Superior de Música de Extremadura e agora adícase á ensinanza, ademais de ser teclista na banda do artista Berto, proxectos en solitario e, por suposto, Fillas de Cassandra.

Nadas en Vigo atopáronse hai un ano, logo de coincidir nos seus proxectos en solitario (Sara Faro e María SOA) no peche dunhas xornadas feministas. Foi aí cando decidiron conformar o que hoxe coñecemos como Fillas de Cassandra.

Fillas de Cassandra

Afirman que se “enchoupan” das súas propias loitas, paixóns, raibas, inquietudes e influencias, mesturando a música coa poesía e o teatro. O seu primeiro traballo, “Acrópole” que sairá no mes de febreiro do ano 2023, pretende rescatar ás heroínas da mitoloxía clásica, establecendo un vencello entre as vivencias do pasado e do presente.

As súas influencias xorden, no eido tradicional, a través de artistas como Baiuca, Xosé Lois Romero e Aliboria, Leilía, discos como Contrapunto das Tanxugueiras e as cantigas populares que se transmitiron de xeración en xeración. No eido electrónico inspíranse en artistas do panorama nacional actual como Bad Gyal ou Rosalía.

Clica aquí para escoitar os dous sinxelos; “ANTÍGONA” e “LISÍSTRATA”

3. Ataque Escampe

Unha banda compostelá de pop galego dende finais do ano 2001. Está conformada por Miguel Mosqueira (guitarras, voz e coros), Samuel Solleiro (guitarras e coros), Xoán Lois García Carlín (baixo e teclados), Álex Charlón (voz) e Cibrán Tenreiro (percusión e coros).

O seu estilo etiquétano como “rock de serie B” pola precariedade de medios na que comezaron e por certo antivirtuosismo. Neil Young, Violent Femmes ou Micah P. Hinson son algunhas das súas referencias, inda que tamén grupos de pop e rock nacional coma Los Enemigos ou Antònia Font e, como non, formacións galegas como por exemplo Os Resentidos ou a Psicofónica de Conxo.

A partires de 2011, o grupo orienta a súa sonoridade a un pop ecléctico con influencias puntuais de estilos coma o soul, ritmos latinos, funk, etc

O seu novo sinxelo chamado LAMBORGHINI está dispoñible xa nas plataformas de streaming. Clica aquí para escoitalo.

Ataque Escampe

4. Catuxa Salom

No ano 2020 Catuxa Salom deixou Madrid para vivir nunha aldea das montañas de Lugo e foi alí onde naceu Nunha Aldea, o seu EP debut que viu a luz o pasado 21 de novembro. A artista rememora os veráns da infancia con Chicharras, o último clip de adianto do seu EP, un tema con mestura de estilos e idiomas.

Con este novo tema recorda as orixes rurais e as lembranzas dos veráns da infancia na casa das avoas. Foi finalista nos Premios Martín Códax na categoría de músicas do mundo e mestizaxe este ano 2022 e que a coloca como unha das novas referencias do electrofolk en Galicia.

O novo single, producido por Marcos Bayón e Prasat Bayón Estudio, desborda aires de folclore arxentino ao son do bombo leguero e frautas andinas. Mestura o galego co castelán e música de raíz con pinceladas de electrónica.

Click para escoitalo

Catuxa Salom

5. Marinha Paz

Marinha Paz naceu en Pontevedra e dende sempre lle gustaron as artes, sobre todo a música e a danza. Dende o 2014 leva sendo vocalista e compositora nunha banda chamada Furious Monkey House, onde fan unha mestura de pop-rock-electrónica.

No ano 2021 coñece ao artista Berto e fan un EP chamado “Bailar Chikito” formado por 6 cancións. Desta colaboración sae tamén outro tema chamado “Os nosos cerebros” para a nova álbume de Berto.

Marinha Paz

Colabora tamén con amigos seus como Thom Archi, cunha proposta de hip-hop-pop-electrónica e afirma que no futuro quere adicarse a sacar a súa propia música.

Algunhas das súas influencias son, por exemplo, Bjork, Pj Harvey, Frank Ocean ou King Krule, entre outros.

6. O Portughés

Julián, máis coñecido como O Portughés, leva facendo música no Salnés dende o ano 2012.

As súas principais influencias son o drill europeo, Yung Lean, o rap francés como Saian Supa Crew e italianos como Capo Plaza. Tamén o rap americano como Kendrick Lamar ou Chief Keef.

Comezou na música para facer o que máis lle gustaba no seu idioma, alonxándose das influencias do rap español como Sfdk.

Clica aquí para escoitalo

O Portughés

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario