Tras doce anos de ausencia de Fanny & Alexander, presentan novo álbume no que, o mariñeiro embarcado, a emigrada retornada ou o exiliado político voltan á casa na procura do que foron, chamado ‘A túa ausencia neste ar’.
Tras ‘Lusco e fusco’ (2006), ‘Finais dos 70s, comezos dos 80s’ (2007) e ‘Alfaias’ (2009) chega un novo traballo. Unha álbume chea de querencia conceptual no que todas as cancións xiran arredor da perda e da ausencia, do que se pode perder nun simple xiro argumental da vida: os pais, os avós, os fillos, a individualidade como persoa, o amor… Un fío argumental que tece nove cancións que aloumiñan esa nostalxia que mana da perda, facendo das músicas unhas ferramentas reparadoras.
O dúo compostelán continúa coa súa tradición adubando versos emprestados de poetas galegas co seu pop saudoso cheo de experimentacións co folk, shoegaze, electrónica e música de cámara. A lista de autoras que ceden as súas verbas é 100% feminina, tanto nas letras das cancións (Ledicia Costas, Xess Mondelo e Charo Lopes) coma nos miúdos spoken words que arrolan por todo o disco (Lara Dopazo, Lucía Aldao, Alba Cid, Luz Fandiño, Theresa P. Lousame, Xela Arias e Nuria Vil)
O disco terá un formato físico pouco habitual, alonxado do plástico: un lenzo coa capa do disco montado en madeira para poder pendurarse onde tamén haberá un código QR que leve directamente á escoita en prataformas dixitais.
Fanny & Alexander fixeron parte xunto con The Homens, Ataque Escampe, Projecto Mourente e Noise Project dunha xeración de bandas pioneiras que a comezos do século ousaron rachar co monopolio da música indie feita en castelán, lanzándose a facer estilos inéditos na nosa lingua, poñendo os alicerces do que hoxe é a rica escena musical galega.
A álbume está dispoñible en todas as prataformas musicais.