Entre o 10 e o 19 de setembro proxectaranse no Centro Social do Mar un total de 128 títulos procedentes de máis de 30 países, ofrecendo unha panorámica do mellor cinema mundial.
O apartado máis salientable é a Sección Internacional, composta por 24 curtas maiormente producidas ou coproducidas por Francia, seguida dos Estados Unidos con catro parricipacións, e Canadá con tres. En canto aos xéneros destacamos o documental, na maioría das cintas. Segue pesando o cinema social e a busca da identidade: de xénero, relixiosa, etc
A Sección Experimental amplíase ata os 13 títulos, mentres que Galicia R contará con seis e España con cinco. A Sección Escola reúne un total de 15 filmes entre escolas de cinema internacional e centros de ensino galegos, que terán a súa propia entrega de premios.
Retómase a Sección Panorama onde se amosarán dez das mellores curtas que non chegaron a entrar a concurso pero recibiron altas valoracións por parte do xurado. O FICBUEU 2021 ofrecerá tamén unha Carta Branca, unha sesión comisariada por Marc Bertrand, quen leva máis de dúas décadas producindo animacións na NFB.
En total serán máis de trinta sesións de cine, onde se garanten as necesarias medidas de seguridade fronte á COVID-19. As proxeccións combinaranse con actividades tales como concertos, obradoiros ou charlas, dos que atoparemos proximamente máis información na súa nova web.