A terceira edición do que é o primeiro festival vilaboés vive hoxe o seu último día na Canteira de Paredes (Pontevedra). O Canteira Fest é un festival feminista que recolle música, charlas-coloquios, artesanía, gastronomía e moito máis.
O pasado venres 18 de setembro acolleron a grupos do panorama musical galego como son os Verto, que están a presentar o seu último disco Embora. Foi un dos seus derradeiros concertos antes do “parón” que farán a partir de outubro. Ademais estiveron acompañados de grupos folk como O gato de Cheshire ou Zeltia Irevire. A maiores, engadindo cultura ao cartel, e autore Nee presentou o seu libro Identidade e a Banda de música de Vilaboa deu un concerto no que puidemos desfrutar de obras tanto clásicas como máis modernas.
Foi a batucada das mulleres bravas chamadas Bravatukas as que animaron o festival mesturando ritmos baseados na tradición afrobrasileira e galega. Tamén terán a presenza de Pauliña, que presenta o seu último traballo “A Malfalada“, onde recolle temas propios como ‘Orghullosa de ser muller’. Será hoxe sábado 19 cando isto pase, ademais dunha charla-coloquio sobre a transexualidade e dúas catas de queixos ao longo do día.
Os dous días pecharanse coa música de Paula do Campo DJ ata a 1:00h.
Un festival que recolle música, feminismo, cultura, gastronomía e bo ambiente e que, ademais, cumpre con todas as medidas de seguridade e é totalmente seguro. As entradas inda se poden adquirir para o día de hoxe con tan só un clic.