O Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu ofrecerá entre o 10 e o 19 de setembro un amplo cartaz de máis de cen filmes e un cento de actividades, retomando así a programación previa á pandemia.
“O FICBUEU camiña cara a recuperación da normalidade”, afirma María Ruíz, xefa de produción do certame, restablecendo actividades tales como a proxección para escolares, charlas divulgativas, etc recuperando ao mesmo tempo seccións como Retrospectiva ou Panorama.
Entre as súas novidades incorpora un filme de apertura e un de clausura, tamén contará con obradoiros, coloquios ou un encontro co actor Alfonso Agra, quen recibirá o Premio Cinema Galego. Outro síntoma de recuperación é que se tiveran presentado ao certame máis de 2.000 curtas, destacando na selección final a calidade dos documentais e o peso das que están dirixidas por mulleres.
“Parabéns á organización por sacar adiante este festival nun momento complexo”, achegou Victoria Alonso, deputada de Cultura da Deputación de Pontevedra. O alcalde da vila de Bueu, Félix Juncal definiu tamén o certame como “un proxecto compartido no que se consolida un traballo que se leva a cabo durante todo o ano e que ten ao cinema como protagonista”. Un festival que fai posible gozar da cultura, das relacións sociais, da convivencia e de compartir unha arte tan bonita como é o cinema en galego.
Manteranse por suposto todas e cada unha das medidas de seguridade vixentes na comunidade galega; máscara en todo momento, desinfección con xel hidroalcohólico en entradas e saídas e distancias de seguridade. O certo é que a afirmación que tanto escoitamos durante este tempo de que a cultura é segura podemos aplicala unha vez máis.
As actividades, así como a programación completa pode consultarse na páxina web www.ficbueu.com onde tamén se poden adquirir as entradas para o festival.