Os 12 festivais galegos que non te podes perder no mes de agosto!

Foi un verán atípico, inda non rematou pero xa só queda o mes de agosto antes de voltar á rutina que supón setembro. A pesares do mal tempo, da pandemia na que estamos a vivir, etc as organizacións de festivais apostan pola cultura e continúan coa súa programación.

Foron moitos os eventos dos que levamos falado, entre eles varios festivais, pero inda nos quedan algúns que terán lugar no mes de agosto que valen moito a pena e queremos recomendarvos que, se podedes ir, desfrutedes da música en directo e en definitiva, da cultura que é sempre segura!

Seleccionamos os 12 festivais do mes de agosto aos que máis nos apetece ir. Seguramente nos queden algúns no peto, pero podedes deixalos nos comentarios e así espallamos a cultura festivaleira!

1. SonRías Baixas (Bueu)

O concello de Bueu acolle o festival SonRías Baixas do 3 ao 8 de agosto no que, entre outras, tivo as actuacións de Sés ou Sabela, concursante galega de Operación Triunfo 2020. Aínda podemos desfrutar dos últimos días do festival que serán o sábado 7 de agosto e o domingo día 8, coas actuacións de Kase.O, Jazz Magnetism ou SondaRúa no primeiro día e do grupo La Pegatina e Muerdo o segundo día.

2. O Son do Camiño – Perseidas (Santiago de Compostela)

Como xa falamos noutra ocasión, o festival O Son do Camiño é un dos macro eventos de Galicia. Este ano, coma moitos dos festivais galegos e de todo o mundo, tivo que reinventarse para poder realizarse con todas as medidas de seguridade. Acolleu artistas e miles de persoas dende o pasado 14 de xullo pero aínda podemos desfrutar dous días máis ata o día 8 do mes de agosto, nos que poderemos gozar das actuacións de Loquillo o día 7 ou de Melendi, que pechará esta edición do festival no Monte do Gozo de Santiago de Compostela o día 8 de agosto.

3. Sacra Festival (Ribeira Sacra do Miño e Chantada)

A moitos dos festivais que estamos a comentar só lles quedan algúns días de música. Isto ocorre tamén co Sacra Festival, que leva xa dende o 10 de xullo recibindo público e gozando da música de artistas como Davide Salvado, Mercedes Peón ou A Banda de Chantada. Así mesmo, tamén imparten talleres de formación como xa foi o de María Vázquez e Víctor Duplá, actores recoñecidos. Os días 7 e 8 de agosto poderemos desfrutar de Niño de Elche ou Surma, ademáis de Experimentadanza entre outros, coa formación tamén do cineasta galego Oliver Laxe, director do filme “O que Arde“.

4. Nachiños Fest (Ferrol)

Este festival ferrolán, de nome curioso, dará comezo o 20 de agosto e alongarase ata o 22 do mesmo mes. A pesares de que aínda non confirmaron todo o seu cartel, os abonos “de fidelidade” xa se esgotaron e só están dispoñibles os abonos xerais. Entre outros, poderemos desfrutar do grupo indie Sidonie, un dos artistas galegos do momento Grande Amore, e moitos máis!

5. Solpores no Lagoeiro (A Estrada)

Con artistas recoñecidas a nivel internacional como é Rosa Cedrón abríase este festival na Casa do Lagoeiro, na Estrada o día 1 de xullo. Levan todo o mes de xullo pasando pola música de artistas nacionais e internacionais como David Otero, Bebe, Davide Salvado, e moitos máis. Aínda poderemos desfrutar del ata o vindeiro 26 de agosto coas actuacións de Escuchando Elefantes (06/08), Café Quijano (12/08), Adrián Costa Blues band (19/08) e Alvariza (26/08) co último solpor pechando o festival.

6. Resurrection Fest Estrella Galicia Limited (Viveiro)

Se antes falábamos de que o Son do Camiño era un dos macro festivais máis recoñecidos de Galicia, o Resurrection Fest é un dos festivais máis recoñecidos a nivel internacional. Cada ano milleiros de persoas se desprazan ata Viveiro para desfrutar dos grupos rockeiros e de heavy, xa que ás veces algúns grupos só teñen esa data no país. Este ano tivo que adaptarse tamén e facer unha edición máis light. Grupos como Kreator ou While She Sleeps son algúns dos elexidos para este evento “limited“. Tamén The Ocean ou Jinjer, entre outros. O festival alongarase dende o 26 de agosto ata o día 28 do mesmo mes.

7. Rock In Río Tea (Ponteareas)

Existe o Festival de cine de Cannes (Francia) que os galegos adaptamos ao noso Cans, no concello do Porriño. Hai tamén o festival Rock in Río que se celebra cada ano nun país diferente, os galegos de novo soupemos adaptalo a nós creando o Rock in Río Tea, que se celebra no Parque da Feira Vella (Ponteareas) o 27 e 28 de agosto e que acollerá as actuacións de SonDaRúa (27/08) ou M-Clan (28/08) entre outros.

8. A Revolta do Umia (Cuntis)

Bandas como Agoraphobia, Los Marcianos ou Familia Caamagno son as encargadas de poñer a música neste festival celebrado en Cuntis os días 27 e 28 de agosto. Entre outras actividades, tamén haberá andainas, sesións vermú, graffitis, etc.

9. Espazo Fest (Nigrán)

Dende mediados do mes de xullo levan gozando en Nigrán das músicas de grupos coñecidos a nivel nacional como Taburete ou Carlos Sadness. Aínda se pode desfrutar ata o 27 de agosto con Coque Malla (14/08) ou M-Clan (27/08), serán ambos no Pazo de Cea do concello pontevedrés de Nigrán.

10. OurenRock Sound (O Carballiño – Ourense)

No 2020 contribuían a ser un dos primeiros eventos post-confinamento cando celebraban a súa edición formato XS no corazón do Ribeiro en Ribadavia e este ano non quedan moi lonxe. Será na Insua dos Poetas (O Carballiño) onde se celebre esta nova edición do festival OurenRock Sound os vindeiros 27, 28 e 29 de agosto. Contará co galego Iván Ferreiro acompañado de Indomable (28/08), e será o día 29 cando poidamos desfrutar do dúo acústico de M-Clan acompalados de Lau. Como nova incorporación tamén contarán abrindo o festival o día 27 con Dakidarría e Tandub.

11. Barbeira SeaSon Fest (Baiona)

Nunha paraxe idílica como é o concello de Baiona terá lugar os vindeiros 28 e 29 de agosto o festival Barbeira SeaSon Fest. Grupos como Viva Suecia ou Ladilla Rusa pasarán polo escenario do festival, entre outros como tamén Basanta ou Los Marcianos.

12. Sons da Canteira (O Porriño)

Nun artigo anterior facíamos auxe deste festival, o cal nos chama a atención por ser no lugar que é; unha canteira, de aí o seu nome. Na Canteira de Vilafría, no concello do Porriño, terá lugar este festival polo que pasarán o día 28 de agosto artistas como os grupos galegos do momento Verto e Boyanka Kostova. A cantante e rapeira con raíces africanas Pongo dará no festival o seu único concerto en todo o país. Tamén actuarán Teresa Ferreiro, Mounqup cos seus novos espectáculos e Os Penediños de Atios.

Etiquetas:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *