Qatar 2022: o mundial da vergoña

O tempo estase a esgotar de cara á Copa do Mundo de Qatar. Algo que posiblemente non entra dentro do noso alcance, xa que nos adicamos mais ben á publicación de novas sobre cultura, pero vémonos obrigadas a difundir isto.

Tamén se esgota para un tema de gran relevancia como que a Amnistía Internacional, xunto con outras nove organizacións prol-Dereitos Humanos, enviaron fai meses unha carta ao presidente da FIFA, Gianni Infantino.

Nesta carta instábase á organización e ao goberno qatarí a que asuman a súa responsabilidade e paguen unha compensación de 440 millóns de dólares para os traballadores migrantes vítimas durante as obras de construción das infraestruturas do Mundial, xa que milleiros de traballadores perderon a súa vida debido á ausencia de protección laboral no país e as violacións dos Dereitos Humanos foron amplamente documentadas.

Gianni Infantino, presidente da FIFA

Infantino respostou referíndose ás 32 nacións participantes para que “se centraran no fútbol” e deixen de lado os problemas en relación aos Dereitos Humanos. Estas declaracións desatenden o clamor popular que enche as redes sociais baixo o hashtag #PayUpFIFA e que lles insta a tomar cartas antes de que se esgote o tempo. Tal e como revela unha enquisa encargada por Amnistía Internacional, o 73% dos afeccionados solicitan á FIFA que compense aos traballadores que sufriron abusos durante a preparación do Mundial.

A campaña de presión fixo que catro dos patrocinadores que promovían o evento como Coca-Cola, McDonalds, Adidas, etc e sete seleccións (Bélxica, Francia, Países Baixos, Inglaterra, Alemaña, Gales e USA) se comprometeran a apoiar a iniciativa de indemnización. Algunhas destas seleccións mencionadas xunto con outras, portarán un brazalete arcoiris para apoiar á comunidade LGTBIQ+. Mesmo a cantante Dua Lipa rexeitou participar na cerimonia de inauguración de dito evento ata que se garantan os recursos humanos.

Activistas da Amnistía Internacional fronte á sede da Federación Española de Fútbol en recordo das vítimas das obras do Mundial Qatar 2022.

En relación á RFEF (Real Federación Española de Fútbol), a poucos días do inicio do evento non houbo ningunha pronunciación en resposta aos reiterados chamamentos ao apoio a ambas iniciativas, polo que se resisten a facer respectar os Dereitos Humanos por parte do país anfitrión.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *